Unha vintena de persoas sumáronse este sábado pola mañá á primeira saída do programa de sendeirismo “En ruta con Equiocio”. Os participantes tiveron ocasión de coñecer ao longo do percorrido, da man da Sociedade Cultural Columba, os restos que quedan da minería de ouro na parroquia ferrolá de Covas.
O bo tempo acompañou aos camiñantes no itinerario circular, de algo máis de sete quilómetros, con saída e finalización no Campo das Cabazas, espazo onde no mes de agosto se desenvolve o certame ecuestre e de lecer familiar. A “ruta do ouro en Covas” levou aos máis de vinte camiñantes a visitar, entre outros puntos, o vello lavadoiro de ouro, situado na praia de Ponzos, e a bocamina das de comezos do século XX.
Con todo, o principal atractivo do itinerario foi a entrada e o percorrido pola antiga mina a ceo aberto de Covarradeiras, de probable cronoloxía romana, e en cuxa explotación probablemente traballaron, entre outros, os habitantes do castro de Santa Comba. A mina permanece na actualidade cuberta por un manto vexetal e completamente oculta.
A ruta do ouro- inicialmente prevista para o día 12 e adiada, debido ao mal tempo, para o Día do pai- marca o punto de partida dun programa de sendeirismo, totalmente gratuíto, que incluirá un itinerario diferente cada mes durante a primavera. O 9 de abril desenvolverase a segunda ruta: a Volta ao Cabo Prior.
Equiocio Consciente Mar e Terra conta neste ciclo de sendeirismo, destinado a promocionar a costa de Ferrol, mediante a práctica de actividade física, co apoio dos seus principais patrocinadores - Concello de Ferrol, Turismo de Galicia, Xacobeo 20221-2022, Deputación da Coruña, Gadis e Estrella Galicia- ademais do de Sogama, Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol, Carné Xove e Abanca, e a Comunidade de Montes veciñais en man común As Cabazas.
Commentaires