top of page
Buscar
Foto del escritorEQUIOCIO BLOG

Equiocio estrea un programa de rutas para explorar a franxa litoral de Covas



Volve Equiocio. E faino activando unha nova aposta destinada a descubrir o patrimonio natural, paisaxístico e histórico do litoral ferrolán de Covas. Un programa de rutas de sendeirismo, totalmente gratuíto, que servirá de prólogo ao evento hípico, que se desenvolverá no Campo das Cabazas do 6 ao 9 de agosto, cun compromiso reforzado pola sustentabilidade, o medio ambiente e o lecer en familia.

O ciclo de rutas, que esta mañá presentaban no Centro Cultural Torrente Ballester, a directora de Equiocio, Ana Pérez-Lago; a concelleira de Turismo de Ferrol, María Teresa Deus, o presidente da Sociedade cultural Columba, José Manuel López Hermida, e máis o responsable en Ferrol da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Xan Rodríguez Silvar, acompañados tamén por representantes de varios dos patrocinadores privados do evento como Gadis, Estrella Galicia e Coca Cola e por Manuel Sendón, presidente da Xunta de montes veciñais mancomunados de Covas, suporá a continuación da programación anual de Equiocio, tendo en conta que as medidas de loita contra a covid-19 obrigaron a cancelar as actividades fixadas para a pasada primavera.

En ruta con Equiocio incluirá tres percorridos guiados -un con dúas saídas-, abertos a veciños e visitantes maiores de dez anos. Dous deles terán lugar nas fins de semana previas ao certame; e o último durante. a súa celebración, sempre seguindo as recomendacións ditadas polas autoridades sanitarias.

Segundo sinalou Ana Pérez-Lago, os itinerarios deseñados discorrerán case na súa totalidade por Covas, buscando pór en valor non só a beleza paisaxística dese tramo do litoral ferrolán, incluído na Rede Natura 2000, senón tamén dar a coñecer unha parte do patrimonio histórico desta parroquia, reivindicando o seu potencial turístico.


CALENDARIO

A primeira das rutas, prevista para o sábado 18 de xullo, permitirá ás persoas participantes coñecer un pouco máis sobre O ouro en Covas. Será un percorrido circular, con saída e chegada no Campo das Cabazas, que descubrirá os principais vestixios que da actividade extractiva perduran na zona. Así, o itinerario, duns seis quilómetros de lonxitude e de dificultade baixa, contempla a visita, segundo explicou López Hermida, á mina prerromana de Covarradeiras e ao lavadoiro de mineral da praia de Ponzos. Tampouco faltarán as explicacións sobre a flora do lugar. Haberá saídas tanto ás once da mañá como ás 17 horas.

Xusto dúas semanas despois, o sábado 1 de agosto, terá lugar a Volta ao Cabo Prior, un enclave de interese xeolóxico e ambiental que, no se día, foi estratéxico desde o punto de vista militar. A visita, guiada tamén por integrantes de Columba, ás baterías de costa que hai na zona -na actualidade, en ruínas- permitirá descubrir o papel que xogaron, especialmente tras o inicio da Segunda Guerra Mundial, na defensa da base naval de Ferrol-A Coruña. A saída deste itinerario, que rolda os 10 quilómetros e presenta unha dificultade media-baixa, producirase ás 10 horas, desde as inmediacións do Bar Horizonte, en Covas.

O programa de sendeirismo, que afianza aínda máis a aposta ambiental de Equiocio, completarase o sábado 8 de agosto, a partir das 12 horas, cunha ruta guiada polo espazo de interese ambiental que é o Campo das Cabazas. Un percorrido de apenas tres quilómetros, e de dificultade baixa, no que, grazas ás aportacións da SGHN, os camiñantes poderán ter unha visión da súa singular paisaxe e da súa flora, segundo comentou Rodríguez Silvar.

En definitiva, como subliñou a concelleira de Turismo de Ferrol, Mayte Deus, que insistiu no «valor engadido» que aportan as actividades paralelas de Equiocio, o programa de rutas permitirá «que a xente coñeza as moitas fortalezas que ten esta terra», contribuíndo a xerar riqueza.

INSCRICIÓN

Configuraranse grupos dun máximo de 25 persoas para cada saída. E, debido a esa limitación de prazas cómpre a inscrición previa. De feito, desde o martes 7 de xullo ata o 14 de xullo estará aberto o prazo para anotarse na ruta do ouro.

Os persoas interesadas en participar nalgunha das saídas terán que enviar un correo electrónico a equiociocomunicacion@gmail.com apuntando o nome e apelidos, DNI, data de nacemento, enderezo, teléfono e, se se trata de menores, que terán que ir acompañados dunha persoa adulta, copia do Libro de familia). Neste último caso, deberá figurar unha autorización do pai, nai ou titor legal do menor (facilitarase na mesma xornada do ruta). Cada petición poderá incluír a un máximo de catro persoas.

UN PROXECTO COMPARTIDO


Equiocio, que neste ano especial busca contribuír como nunca á dinamización turística e económica de Ferrolterra, contará co apoio e patrocinio de institucións como o Concello de Ferrol, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, Turismo de Ferrol, Sogama e Deporte Galego. Entre os principais patrocinadores privados atópanse Gadis, Estrella Galicia e Coca Cola.


Durante a presentación, Iria Rodríguez, responsable de Comunicación e de Relaciones Institucionais de Gadisa, sostivo que a nova iniciativa, en liña coa filosofía de responsabilidade social, de apoio ao deporte e ás actividades familiares de Gadis, permitirá «descubrir un novo Covas».

Desde Estrella Galicia, a súa responsable de Medios, Loreto Rodríguez, puxo o acento na aposta pola sustentabilidade e o medio ambiente do certame que, con esta nova actividade, «da voz ao noso patrimonio histórico e natural», ao tempo que gabou o espírito de resistencia da organización.

Finalmente, Silvia Rodríguez, xestora de Comunicación de Coca Cola, agradeceu o «sobre esforzo» que está a facer a organización para levar a cabo con máximas garantías de seguridade o conxunto das súas actividades, e animou á cidadanía a participar tanto nas rutas como na próxima edición de Equiocio.

208 visualizaciones1 comentario

Entradas recientes

Ver todo

1 Comment


Ana Orjales Lamas
Ana Orjales Lamas
Jul 09, 2020

Hola! Podrían facilitarme el modelo de autorización para acompañar a un menor.

Gracias

Like
bottom of page